Friday 10 de May de 2024

O espectáculo de monicreques Cocer e cantar pecha mañá sábado o programa do Concello de Ordes para conmemorar o Día das Letras Galegas


O Concello de Ordes continúa co seu programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, celebrado o pasado mércores dedicado a Carlos Casares. Mañá sábado, 20 de maio, ás 19 horas a alameda de Ordes acollerá Cocer e cantar. Trátase dun espectáculo de monicreques no que se mesturan tamén números musicais e outras moitas sorpresas. A historia conta a aventura de dous músicos metidos a cociñeiros, os cales prepararán unha sopa de cocido solidaria moi especial para repartir entre o público, que tamén terá un papel fundamental.
Esta iniciativa súmase á mostra que dende onte xa se pode visitar na biblioteca municipal, a cal está composta por paneis, libros, estudo e fondos propios a través dos que se pode repasar a vida e a actividade literaria de Casares. Tamén na biblioteca, hoxe venres, ás 18.30 horas e tras inscrición previa, os nenos e nenas de 4 a 7 anos poderán asistir ao contacontos titulado Contos de marmeleiro, anís e limón.

Na realización de todas estas actividades participan o Concello de Ordes, a Rede de bibliotecas de Galicia a través do programa Ler conta moito (Xunta de Galicia) e a Deputación da Coruña.